Thursday 02 de May de 2024

A Xunta e o concello Coirós destinan máis de 125.000 euros á humanización do núcleo de Casal-Combarro


— Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza

— O Goberno galego destinará 8,6 M€ este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022

A Xunta de Galicia e o Concello de Coirós destinarán máis de 125.000 euros á humanización do núcleo rural histórico-tradicional e común de Casal-Combarro, na parroquia de Santiago de Ois, segundo o convenio de colaboración que asinaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Francisco Quintela.

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.

Neste caso, o obxectivo é mellorar a rede viaria do núcleo e os espazos públicos de reunión. Máis polo miúdo, o proxecto inclúe actuacións como o tratamento integral da vía con microaglomerado asfáltico, o levantamento de tapas ata o nivel da soleira con formigón, a xestión de residuos e a limpeza de vías e espazos públicos.

Durante a sinatura deste convenio, a conselleira lembrou que, desde a posta en marcha do plan hurbe, mobilizáronse ao redor de 165 millóns de euros para o financiamento de máis de 415 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

No caso deste concello coruñés xa se acolleron a esta iniciativa actuacións como as humanizacións do núcleos rurais histórico-tradicionais e comúns de Armea e Coirós de Abaixo, que supuxeron un investimento de máis de 220.000 euros.

Ademais, a Xunta destinará 8,6 millóns de euros este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.